---
title: "A Deputación colabora coa Real Academia Galega financiando actividades para a difusión da lingua e a cultura"
description: "A Deputación da Coruña e a Real Academia Galega (RAG) asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a institución provincial concede unha subvención de 60.000 euros para o financiamento de difere..."
url: https://dacoruna.wpcoruna.es/es/a-deputacion-colabora-coa-real-academia-galega-financiando-actividades-para-a-difusion-da-lingua-e-a-cultura/
date: 2026-01-12
modified: 2026-07-23
author: "admin"
image: https://dacoruna.wpcoruna.es/wp-content/uploads/2026/01/FIRMA_PRESIDENTE_RAG-05-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# A Deputación colabora coa Real Academia Galega financiando actividades para a difusión da lingua e a cultura

A Deputación da Coruña e a Real Academia Galega (RAG) asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a institución provincial concede unha subvención de 60.000 euros para o financiamento de diferentes actividades culturais. O acordo foi subscrito polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.

A achega provincial supón o 80% dun orzamento total de 75.000 euros e permite sufragar iniciativas orientadas á promoción do galego, a difusión da cultura e a preservación do patrimonio inmaterial, con especial atención á proxección exterior de Galicia e á divulgación entre a mocidade.

Un dos eixos centrais do convenio é a XXXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’, unha iniciativa que a RAG organiza dende 1988 e que constitúe a principal acción de difusión internacional. Estes cursos, que se desenvolveron entre o 3 e o 24 de xullo do ano pasado, ofrecen formación lingüística en distintos niveis, xunto cunha visión plural da cultura galega a través de conferencias e actividades de coñecemento do territorio.

Ao longo destas máis de tres décadas participaron neles centos de estudantes e profesores universitarios de ducias de países dos cinco continentes, moitos dos cales continúan hoxe vinculados á docencia e á investigación en Galicia.

O acordo tamén inclúe a produción da serie documental ‘Se canto é porque quero’, creada con motivo das Letras Galegas, que estivo dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral. No ámbito divulgativo, o convenio dá continuidade ao proxecto ‘Primavera das Letras’, unha plataforma dixital da RAG dirixida á infancia, o profesorado e as familias que busca prolongar no tempo a celebración do Día das Letras Galegas.

Por último, o documento contempla a publicación de dous novos volumes da colección ‘Terra Nomeada’, dedicada ao estudo e divulgación da toponimia dos concellos galegos. Trátase das obras *Toponimia do concello de Zas*, da autoría de Xosé María Lema Suárez, e *Toponimia do concello de Carnota*, asinada por Alfonso Blanco Quintela.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, incidiu en que este acordo «dá continuidade ao compromiso desta institución coa lingua e a cultura galega e coa preservación do nosos patrimonio». Indicou ademais que «a Deputación seguirá reforzando a súa colaboración coa Real Academia Galega no desenvolvemento de proxectos de alto valor cultural, educativo e social».

Pola súa banda, o presidente da RAG agredeceu o apoio da Deputación da Coruña «que fai posible levar adiante a promoción da nosa lingua e cultura entre colectivos tan estratéxicos como a infancia ou a mocidade e fomentar a súa proxección internacional».
