Saltar ao contido

O sector escénico galego analiza os seus retos de futuro na última xornada ‘A Cultura é un Dereito’ deste exercicio

Baixo a epígrafe “XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixes vertebradores do sector escénico galego”, estase a celebrar durante o día de hoxe, no Pazo da Cultura de Carballo, a última xornada deste exercicio do programa ‘A Cultura é un Dereito’. Organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración con Escena Galega e comisariada por Diego Meizoso, foi inaugurada polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, polo concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, e polo presidente de Escena Galega, Santiago Cortegoso.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou ademais na primeira das mesas redondas da xornada, baixo o título “A circulación escénica en Galicia. Posibilidades de mellora e artellamento de accións combinadas para contextos non urbanos”, na que tamén interviron a vicepresidenta da Deptudación de Lugo, Maite Ferreiro, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, a deputada de Cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres, e na que actuou como moderadora Eva Alonso da xunta directiva de Escena Galega.

Durante a súa intervención, Xurxo Couto aproveitou para poñer en valor a Rede Cultural da Deputación da Coruña, a través da que se programan artes escénicas, audiovisual e música practicamente en todos os concellos da provincia, agás nas tres cidades. O deputado lembrou que a través deste programa se destinan uns 2 millóns de euros anuais a cofinanciar a programación dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, contabilizando ao redor de 2500 actuacións ao ano e “dando lugar a un espazo de traballo moi relevante para os sectores profesionais da cultura galega”. Xurxo Couto tamén puxo enriba da mesa a necesidade de “contar cun organismo coordinador dos axentes institucionais, que repercuta no fortalecemento das programacións, na simplificación do mapa de axudas e subvencións e no desenvolvemento de estratexias comúns de creación de públicos”. Indicou, así mesmo que “a colaboración entre administracións pode darse en moitos ámbitos” e puxo como exemplo que “sería interesante que o premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, que premia un texto dramático e financia a súa montaxe como espectáculo, puidese presentarse na feira do teatro ou garantir un itinerario mínimo de funcións nas sete cidades e principais festivais, como Carballo ou Ribadavia”.

O programa da xornada aborda outros temas como as posibles estratexias entre o sector creativo e o empresarial-produtivo ou xeitos de traballar sobre as propostas de acción entre concellos pequenos que poidan reforzar a súa acción cultural de cara á cidadanía. Tamén pon o foco sobre as asociacións profesionais, entendendo estes colectivos como parte fundamental do desenvolvemento e do sostemento do sector cultural galego, debatendo con compañeiras e compañeiros de Madrid, Cataluña e Asturias, ou combinadamente con outros sectores como o do libro, o audiovisual, a música ou a xestión cultural.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.