Saltar ao contido

“Cornucopia”, a obra gañadora do Premio Torrente Ballester de narrativa preséntase en Compostela o luns 4 de xullo

“Cornucopia”, a obra coa que Raúl M. Santos se alzou co Premio Torrente Ballester de narrativa 2021 preséntase en sociedade o vindeiro luns, 4 de xullo, en Compostela. A cita terá lugar na librería Cronopios, ás 19h, e acompañando ao autor estarán a xornalista e comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira, o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

“Cornucopia”, editada pola Editorial Galaxia, está chegando estes días ás librarías de todo o país e supón ademais a obra coa que o autor Raúl M. Santos (Ribeira, 1976) se estrea no panorama literario galego.

Convén lembrar que esta obra fora elixida por unanimidade como gañadora do Premio Torrente Ballester en decembro de 2021 por un xurado composto polo xornalista e escritor Premio Nacional de Narrativa (2021) Xesús Fraga, pola escritora María Marco, pola xornalista e escritora Nazareth López, pola xornalista cultural Montse Dopico, e polo escritor e gañador deste premio na edición 2020, Ricardo Losada.

No seu informe o xurado indicara que a obra “é unha parodia moi ben construída, e cargada de ironía, sobre o papel do escritor e a literatura”. No mesmo informe tamén salientaba que “se apoia sobre nunha estrutura fragmentaria na liña da literatura posmoderna, pero sen perder nunca o fío nin o ritmo; cunha narrativa moi fluída e con vocación de establecer unha complicidade coa persoa lectora, pero sen por iso ser compracente”.

O Premio Torrente Ballester de narrativa é un dos máis veteranos dos que convoca a institución provincial – en 2021 acadaba a edición XXXIII- e tamén un dos máis prestixiados que, desde o ano 2016, se convoca en dúas modalidades, en lingua castelá e en lingua galega. Na edición de 2021 a gañadora e o gañador de ambas modalidades, María Cureses e Raúl M. Santos, son unha autora e un autor que comparten a singularidade de estar comezando a abrirse camiño no mundo literario.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.