Saltar ao contido

A banda compostelá Satélite Salitre, gañadora do XV Premio Narf da Deputación da Coruña

Satélite Salitre é a banda gañadora do XV Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. O ditame do xurado levou á cima ao grupo compostelán nunha gala final na que Lucía Aldao rematou segunda e MÅI terceira. Alén das actuacións do concurso tamén participou como banda convidada Fillas de Cassandra nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo, e houbo unha actuación especial da man de Espiño, que interpretou un tema dedicado a Fran Pérez.

SATÉLITE SALITRE: Banda liderada polo compostelán Pilo Sierra, en colaboración co cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet, o baterista LAR Legido e Pablo Sanmamed. Deles o xurado destacou que é “unha proposta arriscada e moi fermosa, ademais da composición e dos arranxos e a sonoridade experimental”.

O xurado elixiu os finalistas entre máis das 56 propostas recibidas. Forma parte do xurado como presidenta Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; ademais dos músicos Ramon Pinheiro (director de aCentral Folque), Suso Alonso, pianista que coincidiu con Fran Pérez Narf en varios proxectos; Mónica de Nut, cantora de ópera, jazz, música de raíz e experimental; Ánxeles Porto, directora do festival Feito a Man; e Marcos Gendre, xornalista musical. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.

O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Eis un pequeno resumo das outras bandas finalistas:

LUCÍA ALDAO: Emoción e sorna, revisión e identidade, amizade e crítica, son o fío condutor do segundo EP que publica unha cantautora da que o xurado destacou “a súa personalidade artística desbordante na que conflúe un universo propio musical cheo de intencións”. A coruñesa ten unha ampla traxectoria no mundo da cultura, con varios libros de poesía publicados, e é o 50% de AldaoLado, dúo humorístico-poético-musical que comparte con María Lado.

MÅI: A alianza de Iseo Agilda con Tomás AgeitosX deu como resultado o disco ‘Nigredo’, que eles mesmos definen como “pop boreal” pola conexión que ten co pop nórdico, combinado coa tímbrica e a rítmica da música tradicional galega. Deste proxecto o xurado salientou a “electrónica acústica boreal de gran profundidade paisaxística”.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.