Saltar ao contido

A Deputación da Coruña reivindica en Culturgal a cultura como dereito e chama a fortalecer o ecosistema creativo galego

A Deputación da Coruña participou este venres na inauguración de Culturgal 2025, a maior feira das industrias culturais galegas, cunha ampla presenza institucional e cun programa concibido para visibilizar o talento creativo da provincia. A institución estivo representada na apertura pola deputada de Cultura, Natividade González, quen destacou que “Culturgal é o gran escaparate da creación cultural galega, un lugar en que gozar dun programa diverso e amplo que cada ano atrae públicos moi diferentes”.

Na súa intervención, González subliñou o carácter comunitario e de encontro do evento. “É un espazo para vivir a cultura en comunidade: para acudir en familia, para descubrir, para sorprenderse”. Ademais, engadiu que “Culturgal é tamén encontro e rede, o lugar onde se conectan artistas, creadoras e creadores, entidades, empresas e público, e onde medra o tecido cultural galego”.

A Deputación da Coruña chega a esta edición con actividades que abranguen literatura, banda deseñada, música e artes visuais, así como propostas divulgativas. “Estamos aquí para compartir proxectos, apoiar a creación e achegarlle ao público as iniciativas culturais que impulsamos ao longo do ano,” abundou a deputada responsábel de Cultura.

Entre as iniciativas destacadas figuran os certames literarios, a presentación do libro O cancioneiro galego-portugués, a exposición retrospectiva dos 20 anos do Premio Castelao de Banda Deseñada e as residencias de Mariñán. “Son propostas que amosan a diversidade e a vitalidade da nosa cultura,” sinalou González.
Ademais, a Deputación contará cun posto propio no que o público poderá coñecer a campaña ‘A cultura para unha vida mellor’, a guía ‘Unha lingua con orgullo’ e a nova plataforma para móbiles da Rede Cultural.

Para rematar, Natividade González fixo un chamamento á participación cidadá e ao compromiso institucional co tecido creativo. “A cultura é un dereito e Culturgal é unha oportunidade única para celebralo, compartilo e recoñecer o talento do noso país”, concluíu.

Programación da Deputación da Coruña en Cultural 2025

Exposición permanente (28-30 de novembro)
’20 anos do Premio Castelao: O certame emblemático da BD galega’. Espazo Arte.

Venres, 28 de novembro
– 11:00 h. Acto de inauguración.
– 17:00 a 17:45 h. Presentación do libro ‘O Cancioneiro galego-portugués’, coa deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra, xunto a Santi Veloso e Domingo Blanco. Espazo Lectura
– 18:00 a 18:45 h. Premios que tecen redes: certames literarios da Deputación da Coruña, con Susana Pedreira, Sandra López e María Dolores Rodríguez, e unha intervención inicial de Natividade González. Espazo A
– 19:30 a 20:45 h. Ronco: disección anatómica da gaita, do colectivo INCRA (Andrés Rodrigues e Iván Nespereira), con Aitana Cuétara. Espazo Cine

Sábado, 29 de novembro
– 12:00 a 13:30 h. Obradoiro de banda deseñada por Sandra Lodi (Premio Castelao 2024). Aulas
– 13:00 a 13:45 h. Mesa Redonda do Premio Castelao de Banda Deseñada. Espazo Arte. Óscar Iglesias, Paula Mayor, Begoña García-Alén, Julia Lago e Sabela Herrero
– 18:00 a 18:45 h. Premios que tecen redes: Certames literarios da Deputación da Coruña, con Susana Pedreira, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Miriam Ferradáns, e intervención inicial de Natividade González. Espazo A

Domingo, 30 de novembro
– 12:00 a 12:45 h. Premios que tecen redes: Certames literarios da Deputación da Coruña, con Susana Pedreira, Rosa Aneiros, Erica Rosalía, Laura Suárez, e intervención inicial de Natividade González. Espazo 
– 16:00 a 17:00 h. ‘A Pedreira, Basal’, presentación do discofilm de Ugia Pedreira. Intervencións iniciais de Natividade González, Ugia Pedreira e Óscar Górriz. Espazo Cine
– 17:00 a 17:55 h. Premio ‘Quero Cantar’ de música infantil e xuvenil, con Gael Ares, Emma e Tono Formoso. Espazo Infantil
– 17:00 a 18:00 h. Actuación grupo finalista do Premio ‘Narf’ para grupos e artistas, con Belém Tajes e Marián e intervención inicial de Natividade González

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.