Saltar ao contido

A Deputación reparte este ano 1,4 millóns entre 60 festivais celebrados na provincia en 2025

O BOP vén de publicar a concesión definitiva das subvencións do programa FO223, co que a Deputación da Coruña apoia os festivais que se celebran en todo o territorio coruñés. Este ano, a administración provincial repartirá 1.400.419 euros entre 60 beneficiarios.

FIOT, MICE, WOS, Maré, Festigal, Festiletras, (S8), Olloboi, Titiriberia, Sinsons, Festival Rock in Rian, Mares da fin do mundo, Carballeira de Zas, Curtocircuíto, Carballo Interplay, Chanfaina Lab, Castelo Conta e Festival de Opera e Música de Cámara son algunhas das citas que recibirán as axudas.

As subvencións distribuiranse, segundo as tres modalidades da convocatorias, deste xeito:

  • Modalidade A. Concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña: 17 destinatarios (que se repartirán 433.941 €).
  • Modalidade B. Entidades sen ánimo de lucro domiciliadas en Galicia: 41 destinatarios (808.478 €).
  • Modalidade C. Persoas físicas ou xurídicas, constituídas como entidades lucrativas, establecidas nun estado membro da Unión Europea: 10 destinatarios (158.000 €).

«Con esta liña de subvencións», salientou a deputada de Cultura, Natividade González, «a Deputación da Coruña revalida o seu compromiso co vizoso tecido de festivais que se celebran no noso territorio». «Este ano», engadiu, «repartiremos algo máis de 1,4 millóns de euros para asegurar que a música, o teatro, o cinema e outras expresións artísticas sigan sendo o motor cultural, pero tamén económico, de toda a provincia».

Para González, esta inversión «é estratéxica, pois non só garante a supervivencia e o crecemento de 60 festivais en diferentes comarcas –desde os grandes eventos consolidados ata iniciativas máis modestas e emerxentes–, senón que tamén apoia as empresas, autónomos e creadores e creadoras que fan posible esta industria». «Os festivais», abundou, «son moito máis ca ocio: son emprego, dinamización territorial e unha potente ferramenta de cohesión social».

A relación de beneficiarios publicouse no BOP do 6 de outubro.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.