Saltar ao contido

A deputada de cultura, Natividade González, visita a Real Academia Galega de Belas Artes

A deputada de cultura, Natividade González visitou a Real Academia Galega de Belas Artes, recibida polo presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo e o secretario, Felipe – Senén López, nunha cita á que tamén asistiron os académicos Xurxo Lobato e Xosé Manuel Casabella. A visita enmárcase no convenio anual mediante o que, cunha achega de 20.000 €, a Deputación financia actividades culturais como o ciclo ‘Martes das Artes’.

Así, a deputada anunciou a súa intención de renovar o acordo entre ambas institucións, co obxectivo de apoiar parte da programación cultural da Academia destinada a promover a cultura e o patrimonio galego entre a cidadanía e agradeceu o labor “incansable” da Academia “na defensa, estudo e promoción das artes e do patrimonio cultural do noso país”.

“Para a Deputación é unha honra colaborar coa Academia, que non é só un espazo de pensamento e investigación, senón tamén un axente activo, que impulsa proxectos, difunde coñecemento e garante que o noso patrimonio —material e inmaterial— non quede no esquecemento, senón que viva, respire e dialogue co presente” sinalou Natividade González. “A cultura é un dereito e unha ferramenta poderosa para construír futuro. E, sen institucións coma esta, esa tarefa sería moito máis difícil”.

Faladoiros, conferencias, proxeccións de cine ou presentacións de libros son algunhas das actividades financiadas durante o pasado exercicio pola Deputación, que se celebraron cada martes na sede da Real Academia na Coruña ou outras localizacións da provincia, cedidas para actividades do ciclo. Todas as actividades foron de balde e tiñan como obxectivo contribuír a difundir a cultura e o patrimonio galego.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.