Saltar ao contido

O 22º Curtocircuíto celébrase do 1 ao 6 de xullo en Compostela co apoio de Cultura da Deputación

Compostela acollerá, do 1 ao 6 de xullo, a 22ª edición do Curtocircuíto, cunha proposta curatorial que sae ás prazas e rúas e prioriza o intercambio entre a comunidade creadora e a veciñanza fronte a competición. Unha cita que volve contar co apoio da área de cultura da Deputación. A deputada de cultura, Natividade González, acudiu esta mañá á presentación oficial, xunto coa concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo.

Durante a presentación, a deputada destacou o “compromiso firme” da entidade provincial “con este festival e con todo o tecido cultural da provincia, conscientes de que proxectos como este son imprescindibles para facer avanzar a creación contemporánea, para abrir espazos de pensamento e para achegar ao público propostas arriscadas, diversas e necesarias”.

González salientou que o apoio da Deputación “non é só económico”, pois supón tamén “un esforzo continuo para tecer redes, coidar os procesos e garantir que festivais como este poidan medrar con estabilidade, independencia e proxección”. A deputada engadiu que “apostamos pola cultura como ben común, e por iso traballamos a diario para que cada edición deste festival, e doutros moitos que acontecen na provincia ao longo do ano, se poidan celebrar con ambición e coidado”. Ademais, deulle as grazas a todo o equipo do Curtocircuíto “polo voso talento, pola vosa resistencia e pola capacidade de reinventar cada ano este espazo que é xa imprescindible no noso calendario cultural”.

Nas seis xornadas do festival, Santiago de Compostela acollerá unha programación plural e internacional con nomes como Lucile Hadžihalilović, Oliver Laxe, Kangding Ray, Martin Messier, Adrián Canoura, Lois Patiño, Lawrence Lek, Miranda Pennel, Billy Roisz, Total Refusal ou Nebojša Slijepčević entre outros. Curtocircuíto manterá as súas seccións competitivas Planeta GZ, Supernova e Cosmos, xunto a un cartel de espectáculos AVs con nomes relevantes da escena contemporánea como Martín Messier (Canadá), Amelie Duchow (Alemaña), Neutro Gris e nodoaviom (Valencia) e Carme López e Irene Sáenz (Galicia). A gala de clausura, que terá lugar o domingo 6, será conducida por Nuno Pico (Grande Amore, Oh Ayatollah).

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.