Saltar ao contido

A Rede Cultural 2025 pecha a súa axenda cun programa de 1184 espectáculos

A Rede Cultural 2025 da Deputación da Coruña programará 1184 espectáculos, nunha axenda que chegará a todos os concellos do territorio e que estará aberta ata o 31 de marzo de 2026. O investimento final da administración provincial no circuíto alcanza os 1.521.024 euros.

Teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema, narración oral e outros contidos para a dinamización social do galego completan un catálogo que se distribúe así:

  • Escena ao vivo, programa de propostas profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música para concellos: 847 espectáculos (469 de teatro e monicreques, 264 concertos, 80 de maxia e 34 de danza).
  • Visións, programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos: 64 filmes.
  • Lingua a escena!, programa de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega, para concellos: 128 actuacións.
  • Alicerce, programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades: 145 espectáculos.

A Deputación asume o 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% nos que teñen entre 5.001 e 10.000, o 50% nos de entre 10.001 e 20.000, o 40% nos de entre 20.001 e 50.000 e finalmente un 30% nos máis de 50.001.

“Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sostible e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público”, sinala a deputada de Cultura, Natividade González. “A cultura”, engade, “crea comunidade, xera emprego e, sobre todo, emociona e transforma; e desde a Deputación seguiremos traballando para garantir este dereito en todos os recunchos da provincia”.

Para González, “a cultura é un motor de desenvolvemento social e económico, e este investimento permitirá achegar a todos os concellos da provincia, mesmo aos máis pequenos, un programación diversa e de calidade que reflicte a riqueza e o talento do sector, desde o teatro á música, a danza, o cinema, a maxia ou a narración oral”.

O departamento de Cultura provincial segue apostando, segundo a Deputada, “por un circuíto que tece redes e que, desde a proximidade e en colaboración coas administracións locais, enriquece a vida da veciñanza, ademais de proporcionar un espazo de traballo relevante e ofrecer oportunidades profesionais a compañías e artistas”.

A axenda de espectáculos pódese consultar na sección de Cultura da páxina web da Deputación.

A resolución de adxudicación aos concellos dos espectáculos da Rede Cultural 2025 pode consultarse no BOP do 29 de abril.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.