Saltar ao contido

Santiago de Compostela inaugura a súa Feira do Libro, que un ano máis conta co apoio da Deputación

A alameda compostelá converteuse esta mañá no escenario de presentación da Feira do Libro, “que se converte cada ano nun ritual máis dos moitos que se celebran cada primeiro de maio para celebrar a chegada da primavera, neste caso chea de casetas de librarías e editoriais, que permiten ese espazo de encontro e intercambio” sinalou a deputada durante a súa intervención. A mostra estenderase até o 11 de maio, ofrecendo literatura, encontros e pensamento compartido.

Na inauguración estiveron presentes, ademais da deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Soledad Agra; a tesoureira da Federación de Librarías de Galicia, Patricia Porto; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. O pregón correu a cargo da libreira Lola Puerta.

Agra destacou que as librarías “son algo máis que estantes de libros á venda, porque a lectura comeza no momento que entras na túa libraría de referencia e falas coa túa libreira ou libreiro, esa persoa que te coñece e que coñece os libros, que che pode ofrecer o que necesitas ler nese momento vital no que te atopas”. A deputada animou ao público a “visitar cada un destes postos, falar coas libreiras e libreiros, cos que levan moitos anos, e coas que acaban de abrir, con editoras e editores, coas autoras e autores consagrados e coas noveles, atopar veciñanza e coñecidas de fóra, familias enteiras que desfrutan de botar un ollo e mercar desde libro infantil até novela negra ou libro antigo”.

Dende hoxe e ata o 11 de maio a Feira do Libro de Compostela porá en marcha contacontos, roteiros literarios, obradoiros creativos, presentacións de libros e encontros con escritoras e ilustradoras como Arantxa Portabales, Isabel Blanco e María Lapido, Neves Rodríguez, Alba Cid, Elena Gallego Abad, Xabier Queipo e María Hesse, entre moitas outras voces destacadas da literatura galega e estatal. Destacan tamén os espazos de diálogo arredor da literatura fantástica, a banda deseñada ou a memoria histórica.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.