Saltar ao contido

A Deputación presenta a súa programación anual para a celebración das Letras Galegas 2025

A Deputación da Coruña presentou esta mañá no Palco da Música todas as actividades que levará a cabo con motivo das Letras Galegas 2025. As deputadas de lingua, Soledad Agra, e de cultura, Natividade González, foron as encargadas de explicar a programación, acompañadas de representantes de algunhas das actividades que a conforman: Xabier Díaz; Donaire; Xacarandaina; Zavala; Maos; Cantometrics; AELG e o documental ‘Lévame a idea’.

A deputada de lingua, Soledad Agra, lembrou que “este ano, temos o gusto de adicarlle o día das Letras á poesía popular oral, a un grupo de mulleres cantareiras que recolleron a nosa tradición oral, que representa a idiosincrasia do noso país, e a foron transmitindo”. Neste sentido, explicou que na Deputación “temos unha programación moi extensa que imos desenvolver en moitos concellos da provincia, porque ese é o compromiso desta institución”.

A deputada de cultura, Natividade González, salientou o obxectivo de “desenvolver actividades culturais por toda a provincia, descentralizándoas para que cheguen ao máximo número de veciñas e veciños”, facendo fincapé en que se trata “dun programa anual, xa que para nós as Letras Galegas son os 365 días do ano”. González tamén expresou que é unha programación “extensa, intensa e sobre todo continua. Combinamos literatura, música, teatro… e, sobre todo, reflexión sobre a nosa cultura e tradición”

Un programa anual
A programación chegará a máis de 25 concellos da provincia, e inclúe concertos, teatro, contacontos, proxeccións, presentacións literarias, adquisición de libros, xornadas, edicións especiais e publicacións.

  • 3 grandes concertos temáticos:
    • Efémeras de Cantometrics (maio) en Noia, Carballo e Ortigueira
    • Zavala + Atalaias de Caión (outono)
    • 25 aniversario de Donaire (outono) en Mazaricos, Melide, As Pontes, Teo e Ribeira
  • 10 proxeccións previstas do documental Lévame a idea
  • 2 funcións teatrais escolares con Tanxarina + A biblioteca galáctica contra a IA fantástica en Rois e Cabana de Bergantiños
  • 4 concertos das Pandereteiras de Xancarandaina en Fisterra, Betanzos, San Sadurniño e Arteixo
  • 5 concertos de Donaire.
  • 4 presentacións do Cancioneiro galego serodio 1989–2011, de Xabier Díaz en Trazo, Dodro, Carballo e Vimianzo
  • 3 concellos acollerán a presentación do Manual de Boas Prácticas.
  • 3 obras literarias adquiridas e distribuídas en bibliotecas públicas:
    • Pandereteiras de Mens
    • Cancioneiro galego serodio 1989–2011
    • A biblioteca galáctica contra a IA fantástica
  • 11 obradoiros de escrita creativa sobre a literatura de tradición oral das mulleres a cargo de Estíbaliz Espinosa con escritor convidado/a para o alumando de primaria e secundaria de diferentes centros da provincia
  • Contacontos ilustrados e musicados da obra “Cantareiras. Poesía popular nas letras galegas” para nenos e nenas de infantil e primaria

Todos os artistas e representantes das diferentes actividades que forman parte do programa das Letras Galegas que participaron na presentación de hoxe destacaron o seu “agradecemento” á Deputación “por xerar espazos como este, de encontro, de celebración da cultura e de aturuxo en tantos concellos da provincia, e non só nas cidades”. Ademais, cada un explicou o seu proxecto e en que consiste a actividade que vai protagonizar. Foi o caso dos músicos Xabier Díaz, Cantometrics. Pola súa banda, a deseñadora de Maos, Xiana Iglesias, tamén explicou os detalles do cartel, que “fai un recoñecemento a toda a poesía popular oral, representando as mulleres como transmisoras de todo o legado poético, o contexto no que se crea a poesía e o patrimonio oral, eses espazos de colectividade, e o papel das persoas que estudaron e que facilitaron a transmisión”. “Buscamos conceptos e mesturámolos como se fose unha sorte de caderno de campo”.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.