Saltar ao contido

A deputada, Natividade González salienta na presentación dos XXIX Premios María Casares “o poder de encontro e reflexión” do teatro, “unha das expresións máis necesarias”

Os XXIX Premios de Teatro María Casares entregaranse o próximo xoves, 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a partir das 20.30 horas. Hoxe celebrouse a presentación oficial, onde participou a deputada de cultura, Natividade González, acompañada polo director da gala deste 2025, Fernando Dacosta; polo concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e Arantza Villar, presidenta da AAAG.

A deputada salientou o traballo da Asociación de Actores e Actrices de Galicia na organización desta gala, que “é moito máis que unha entrega de galardóns: é un recoñecemento colectivo ao talento, á creatividade, ao traballo e á paixón que fan posible o teatro galego. tamén ao compromiso, a resistencia e a capacidade de transformación dunha profesión que é columna vertebral da nosa cultura”.

Premios que nesta ocasión homenaxearán os oficios escénicos, “todos eses saberes e mans que, desde a sombra, sosteñen a luz do escenario”, sinalou a deputada, nunha gala conducida por Sarabela, na que o protagonismo recae nas “compañías teatrais de furgoneta”, formacións que “percorren estradas e concellos levando a cultura a cada recuncho do país. O seu traballo é esencial para garantir o acceso á cultura en igualdade, e para manter vivo un teatro que é local e universal ao mesmo tempo”.

“Desde a Deputación da Coruña apoiamos con orgullo esta gala, e reafirmamos o noso compromiso co sector escénico galego. Sabemos que a cultura é unha ferramenta de cohesión, de identidade e tamén de futuro, e que o teatro, co seu poder de encontro e reflexión, é unha das súas expresións máis necesarias. Apoiar o teatro é apoiar a lingua, a creación, o pensamento crítico, a igualdade e tamén o desenvolvemento social e económico do territorio. Por iso, somos orgullosas colaboradoras desta gala e, sobre todo, cómplices dunha profesión que fai país cada día dende os escenarios”, engadiu Natividade González, para concluír afirmando que esta gala é unha oportunidade “para celebrar” e para lembrar que “a cultura é un dereito, e como dicía María Casares, non se pode vivir sen o público”.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.