Saltar ao contido

O Festival Rosalía acolle a presentación de “Rosalía Oculta”, de Paula Mayor, obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada no 2023

O Festival Rosalía, unha cita organizada pola Deputación e o Concello de Santiago durante os días 21, 22 e 23 de febreiro para render homenaxe a Rosalía de Castro, acolleu onte pola tarde a presentación da obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada no 2023: Rosalía Oculta, de Paula Mayor. A propia autora foi a encargada de explicar os detalles do cómic, publicado pola Editorial Galaxia, acompañada da deputada de cultura, Natividade González; da comisaria dos premios literarios, Susana Pedreira, e do director da editorial, Marcos Calveiro.

O certame Castelao de Banda Deseñada, cuxa convocatoria de 2025 está aberta – ata o 10 de abril – premiou na categoría xeral a esta obra, pola “orixinalidade coa que abordou o xénero biográfico sen necesidade de caer no relato histórico, co fin de darlle máis peso á parte humana da escritora” salientaba o xurado. Outro factor que sumou puntos foi a estética: “moi delicada, que casa perfectamente co espírito romántico e decimonónico da obra de Rosalía de Castro”.

A deputada de cultura, Natividade González, salientaba durante a presentación o “orgullo” que supón “ver como obras como esta Rosalía Oculta ou moitas outras que premiamos acaban tendo un percorrido tan interesante”. Tal e como sinalou, “ese é o noso compromiso e creo que debería ser o de todas as administracións públicas: apoiar o talento, apostar realmente polas nosas letras, a nosa cultura, e tamén por un xénero como a novela gráfica que, ademais, nos está dando tantas alegrías no panorama internacional”.

Natividade González parabenizou o traballo de Paula Mayor e agradeceulle “a valentía” por “afondar na nosa autora máis emblemática e universal e amosarnos esa faceta súa que vai máis aló do mito, desa feminista, loitadora, reivindicativa e activista de todas as causas xustas para amosarnos a unha Rosalía máis humana, na súa vida cotiá e chea de matices, como todas nós”.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.