Saltar ao contido

Carabela, Gloria Pavía e Cintaadhesiva, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf” de música

O xurado do Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, deu a coñecer esta mañá as tres bandas finalistas da que é xa a 16ª edición do certame: Carabela, Gloria Pavía e CintaAdhesiva optan aos premios, cuxa orde se decidirá na gala que se celebrará no Auditorio Afundación, de Santiago de Compostela, o sábado 19 de outubro.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, formado polo músico e xornalista Martiño Suárez; a cantante Faia Díaz; a xornalista musical Teresa Cuíñas; o músico, produtor e responsable da plataforma de distribución A Regueifa Noel Feáns, e o tamén xornalista musical Rodri Míguez. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.

O xurado salientou a escolla de tres propostas con protagonismo vocal feminino, “o que reflicte o rumbo actual da escena galega”.

O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. No palmarés de gañadores do certame figuran bandas coma Caldo, Mounqup, Bala e Familia Caamagno, entre outras.

Os finalistas

CARABELA. Deles o xurado destacou que é “unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada”. Esta banda noiesa, formada en 2021, dálle unha nova volta ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.

GLORIA PAVÍA E RAFA MORALES. O xurado salientou desta proposta, que chega desde Santiago, a “utilización de elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora”, na que tamén destacan o seu talento vocal, a orixinalidade e o minimalismo.

CINTA ADHESIVA. Formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, o xurado destacou a súa “proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras”.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.