Saltar ao contido

A Deputación alíase coa Fundación Luis Seoane para impulsar o premio provincial de Deseño que leva o seu nome

A Deputación da Coruña e a Fundación Luis Seoane formalizaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento das actividades complementarias do Premio Luis Seoane de Deseño, un dos premios culturais que convoca regularmente a institución provincial coruñesa para promover o talento artístico.

O acordo, asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente da Fundación e concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro, ten como obxectivo reforzar a proxección do premio a través da organización dunha exposición sobre a traxectoria das persoas ou entidades gañadoras da última edición, así como da edición dunha publicación específica dedicada ao seu percorrido profesional.

O presidente da Deputación destacou que “este convenio permítenos seguir impulsando o talento creativo e o deseño como ferramentas de innovación e desenvolvemento cultural, ao tempo que recoñecemos a figura de Luís Seoane, un dos grandes referentes da cultura galega contemporánea”.

A Fundación Luis Seoane, entidade de referencia na difusión da obra e pensamento do artista, colaborará achegando o seu espazo expositivo, asesoramento especializado e a organización de actividades complementarias como visitas guiadas, conferencias ou accións divulgativas.

Pola súa banda, a Deputación asumirá a coordinación das exposicións e os custos asociados á súa produción, incluíndo a montaxe, transporte, seguros e edición da publicación, garantindo así o correcto desenvolvemento das actividades previstas.

O convenio enmárcase na liña de apoio á cultura e á creación artística que impulsa a Deputación da Coruña, que convoca anualmente o Premio Luis Seoane de Deseño como recoñecemento ao talento e á innovación no ámbito do deseño, contribuíndo á súa difusión e á posta en valor do talento creativo da provincia.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.