Saltar ao contido

A Deputación crea o Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de convocar a primeira edición do Fondo de proxectos singulares en lingua galega de especial interese cultural e orientados á mellora social. O prazo de presentación de propostas —a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL)— estará aberto entre o 21 de febreiro e o 21 de marzo.

O novo certame premiará iniciativas culturais que desenvolvan propostas en lingua galega de interese para campos de acción social coma a igualdade, dereitos civís, respecto á diversidade, respecto medioambiental, medre da estima colectiva e cohesión social, integración social, memoria democrática ou sensibilización patrimonial e identidade local.

O fondo ten unha dotación de de 300.000 euros, repartidos en 20 premios polos seguintes importes máximos, que se reducirán se o importe do orzamento do proxecto seleccionado é menor:

  • Para os cinco proxectos con maior puntuación, 5 premios por un importe máximo de 22.500 €
  • Para os cinco proxectos seguintes en puntuación, 5 premios por un importe máximo de 17.500 € .
  • Para os cinco proxectos seguintes, 5 premios por un importe máximo de 12.500 €.
  • Para os cinco seguintes, 5 premios por un importe máximo de 7.500 €.

“Na área de Cultura da Deputación da Coruña”, sinala a deputada de cultura, Natividade González, “apostamos por políticas públicas que poñan o foco na recuperación do sentido de identidade, de comunidade e de pertenza; en afianzar o vínculo social desde unha mirada democrática, inclusiva, diversa, acolledora e integradora”.

Para a deputada, “a cultura é o espazo dos valores, das ideas, o fío que cose comunidade, identidade e sentido de pertenza”. “A cultura”, engade, “é relación, coñecemento, construción de civismo e de xeitos de estar na vida e no mundo; unha ferramenta de formación e transformación para a vida mellor”.

O novo fondo é, segundo González, “outra aposta do noso departamento por políticas públicas que apoien claramente a diversidade cultural e garantan o dereito á produción e ao acceso cultural no noso idioma, que se atopa nunha situación preocupante». “Non desenvolver políticas de apoio á lingua galega supón contribuír, por abandono de responsabilidade pública, á súa minoración social e á continuidade e agravamento da desigualdade hoxe existente”.

As bases do certame poden consultarse e descargarse no BOP do 14 de febreiro.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.