Saltar ao contido

A Deputación destina 158.000 euros a cofinanciar a programación cultural, artística e científica da USC

A Deputación da Coruña aprobou a concesión dunha subvención nominativa á Universidade de Santiago de Compostela por un importe de 158.000 euros destinada a cofinanciar a programación universitaria orientada ao fomento da educación, investigación, transferencia do coñecemento e actividades culturais, artísticas e científicas, así como a programación de actividades do CIFEX.

A achega provincial representa o 80 % dun orzamento total de 197.500 euros. Con este apoio, a Deputación reafirma o seu compromiso coa universidade pública, así como coa igualdade de xénero e a difusión do pensamento crítico na sociedade galega.

O convenio, asinado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da USC, Antonio López, permite impulsar iniciativas estratéxicas para a detección e captación de talento mediante programas como ‘A Ponte entre a USC e o Ensino Medio’, que busca a universidade ao alumnado preuniversitario mediante charlas, visitas, etc., ou ‘ESTALMAT’, que pretende detectar aptitudes matemáticas avanzadas entre o alumnado de secundaria e proporcionarlles un programa de actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento.

O acordo tamén dará apoio ao desenvolvemento dunha ampla programación cultural, con propostas de teatro, música, danza e artes plásticas. Ademais, contémplanse actuacións para a posta en valor e musealización do patrimonio histórico-artístico da USC.

Outro dos eixos destacados é o apoio a proxectos artísticos-pedagóxicos como o Faíscas Culturais ou a organización das Xornadas de benvida ao curso, coas que se busca incentivar a participación do novo alumnado nas unidades de produción artística.

Por último, tamén inclúe o financiamento parcial de eventos científicos encamiñados ao intercambio de coñecemento; o programa de Seminarios en IV Ciclo e a programación de actividades do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX).

O presidente provincial resaltou que se trata “dunha alianza que promove unha universidade aberta, comprometida coa cultura, coa ciencia e coa igualdade de xénero. Unha universidade que contribúe a que o coñecemento chegue ao conxunto da sociedade”, afirmou.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.