Saltar ao contido

A Deputación renova o apoio á programación cultural da Real Academia Galega de Belas Artes

A programación cultural ‘Martes das Artes’, da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), seguirá contando co apoio da Deputación da Coruña. A deputada de Cultura, Natividade González, e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, veñen de asinar o convenio polo que a institución provincial achegará para o financiamento do ciclo en 2024 unha partida de 20.000 euros, cantidade que supón un 80 por cento do orzamento da actividade.

Faladoiros, conferencias, proxeccións de cine ou presentacións de libros son algunhas das actividades que cada martes acollen a sede da Real Academia na Coruña ou outras localizacións da provincia, cedidas para actividades do ciclo. Todas as actividades son de balde e teñen como obxectivo contribuír a difundir a cultura e o patrimonio galego.

“No noso departamento”, sinalou González, “seguimos apostando por apoiar o traballo de entidades a prol do fomento e difusión da cultura, como fai a Real Academia Galega de Belas Artes con este ciclo que promove o talento e a riqueza das artes galegas e que o fai accesible entre a poboación da cidade e da provincia”.

Hoxe mesmo se celebrará unha das actividades dos ‘Martes das Artes’: o concerto ‘Canción artística Atlántica: Británica e Galega’ no que a soprano Susana de Lorenzo e o pianista Rupert Twine interpretarán poemas en inglés e galego musicados por compositores británicos e compositoras galegas. Será ás 20 horas, na sede da RAGBA. No recital incluiranse as pezas: “Five English songs”, de Margarita Viso; “A Rosa”, de Julia María Dopico Vale; “O meu fogar”, “Algún alburgueiro” e “Interludio musical”, de Rupert Twine; “The vagabond”, de Vaughan Williams; “Now sleeps the crimson petal”, de Roger Quilter; “Bird songs at Eventide”, de Eric Coates; “The Salley gardens”, de Benjamin Britten, e “We´ll gather lilacs”, de Ivor Novello.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.