Saltar ao contido

A deputada de cultura inaugura a segunda edición do Culturgal Expandido, que chega a Ribeira da man da Deputación

O Auditorio Municipal de Ribeira acolle hoxe e mañá a edición 2025 do Culturgal Expandido. Trátase dunha iniciativa da Deputación da Coruña, que inclúe actividades para todas as idades e unha destacada presenza de artistas e creadores locais, como Quico Cadaval, Fran Sieira, Nan Îllonia, Susana Sampedro ou Os Liantes, ademais de obradoiros e conversas literarias. Esta mañá, a deputada de cultura, Natividade González, inaugurou a mostra, acompañada da alcaldesa, Mariola Sampedro; o presidente do Culturgal, Víctor López, e parte da corporación municipal.

É a segunda edición deste Culturgal Expandido, trala pasada que se celebrou en Arzúa, co obxectivo de “expandir” o Culturgal, a feira das Culturas Galegas que se celebra cada ano en Pontevedra; un lugar de encontro entre os públicos e artistas, profesionais e institucións. A deputada sinalou que é “unha aposta firme por descentralizar a cultura. Este ano, o Culturgal Expandido chega a Ribeira para manter o noso propósito de levar a cultura galega ás vilas pequenas e medianas da provincia”.

“Non é casualidade que elixísemos Ribeira”, afirmou Natividade González, “é un concello que está en plena sintonía coas políticas culturais que desde a Deputación da Coruña estamos a impulsar. Porque cando falamos de cultura, falamos tamén de accesibilidade, de inclusión e de igualdade. E Ribeira, nestes dous anos, foi un referente neste camiño: un exemplo de como a cultura pode ser un espazo aberto, diverso e participado”.

Programa
O Culturgal Expandido comezou hoxe ás 10:00 horas co obradoiro ‘Mediación. Un baile ceibe en comunidade’, con Fran Sieira, para dar paso ás 12:00 horas a ‘O lobo feliz’, un espectáculo infantil con Miguel Guido. Ás 13:00 horas chegou o obradoiro ‘Pensa o teu guión de videoxogo’ e xa pola tarde Clube de lectura, conversas literarias, Quico Cadaval, danza e a película ‘O Apostolo’.

Na mañá do domingo, programación infantil con ‘Contamos contos de lobos?’, de Ghazafellos, e ‘O rap do coello fedello’, de Irene Alonso Gasalla. Pola tarde, obradoiro de cinema, coloquio cos premiados do certame ‘Cidade Centenaria de Ribeira’, e un peche musical con Nan Îllonia, Os Liantes, Lau Panicanela e XeVA & Mon-O.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.