O escenario do Teatro Colón volverá iluminarse para acoller a Gala de entrega dos 9 premios culturais que a Deputación convocou e outorgou durante o exercicio 2022. En total subirán a recoller o seu premio unha ducia de persoas e entidades, nunha gala que recuperará a escenografía do pasado ano e que estaba especialmente deseñada a partires da idea de simbolizar a luz que a Cultura, a través de diversas manifestacións artísticas, aporta á sociedade.
Esta Gala de Premios culturais terá lugar o venres 10 de febreiro ás 19h e estará aberta ao público en xeral, con asistencia de balde ata completar aforo (apertura de portas do Teatro Colón ás 18:30h). Estará conducida pola xornalista Marga Pazos e contará coa actuación da contadora Carmen Conde e coa música de Antía Muíño. Ademais dos premiados e premiadas, tamén se espera a asistencia das persoas que participaron de xeito directo no desenvolvemento destes premios, en calidade de xurados, comisariados e comisións lectoras.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, indica que “esta entrega de premios é un dos maiores encontros culturais do ano, non só polo recoñecemento ao talento dos creadores e creadoras do noso tempo senón tamén porque implica a unha gran diversidade de disciplinas artísticas”. Así, un ano máis, no Colón volverán xuntarse fotógrafos, artesás, escritores e escritoras, grupos musicais, artistas plásticas, debuxantes e entidades que traballan a prol da acción cultural.
Todas as persoas premiadas recibirán a escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta para a Deputación da Coruña: un ‘C’ realizado en aceiro que representa o ‘C’ de Cultura e o ‘C’ de Coruña, e que é suxeitado na base por siluetas que representan a xente que sostén e que eleva a cultura.
Relación de premios e persoas e entidades premiadas
• Premio Torrente Ballester de narrativa en galego: Amador Castro
• Premio González Garcés de poesía: Yolanda Castaño
• Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil: Lois Pérez
• Premio Luís Ksado de creación fotográfica: Brais Lorenzo
• Premio Castelao de banda deseñada: Siqi Luis Yang (debuxante) e Uxía Larrosa Villanueva (guionista) na modalidade xeral; e Francisco Pérez Villanueva na modalidade LIX
• Premio Fran Pérez ‘Narf’ para grupos e artistas musicais: Mallou
• Premio Antón Fraguas de artesanía: Carmen Riveiro na modalidade tradicional, e Verónica Moar na modalidade contemporánea
• Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica: Myriam Gesalaga Eizagirre
• Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: Federación galega de redeiras artesás O Peirao na modalidade traxectoria; e grupo de traballo Igualdade e Xénero ANPA do CEIP de Barouta na modalidade iniciativa