Saltar ao contido

A xornada ‘A Cultura é un Dereito’ sobre innovación cultural e territorio aborda o impacto social e ambiental da cultura

O Pazo de Mariñán é o escenario de celebración da “XVI Xornada Innovación Cultural e Territorio”, que forma parte do programa ‘A Cultura é un Dereito’, da Deputación da Coruña. Organizada en colaboración co comisario Fran Quiroga, pon o foco no impacto social e ambiental da cultura. A deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, foi a encargada de inaugurar a xornada, acompañada de Fran Quiroga, que continúa durante todo o día con diferentes intervencións.

A sesión, na que participan profesionais de diferentes ámbitos do sector, divídese en dous grandes bloques: un composto por mesas nas que compartir experiencias, e outro cun grupo de traballo. Así, pola mañá, celébranse catro mesas cun enfoque práctico: “Medioambiente e cultura”; “Participación e comunidade”; “Do barrio e da aldea”, e “Redes como resposta”. E, pola tarde, crearase un espazo participativo sobre “Dereitos culturais como resposta aos retos actuais”.

O obxectivo é intensificar proxectos culturais onde a sociedade e o medioambiente estean no centro. “Debemos entender a cultura dende unha dimensión moito máis ampla, que ten que ver co conxunto de relacións sociais e de prácticas humanas coas que definimos a nosa maneira de convivir e de estar no mundo” sinala a deputada de cultura.

Durante a súa intervención, Natividad de Jesús González, puxo en valor o potencial da Cultura como unha ferramenta “que contribúe á cohesión social e ó sentimento de identidade e de pertenza, ó desenvolvemento das capacidades propias das persoas e das comunidades e ó medre da autoestima persoal e colectiva a través do coñecemento da nosa historia e da nosa memoria”, apuntou.

As diferentes mesas e participantes tratan, pois, de buscar novas miradas na relación da cultura co medio, para así “ofrecer un sentido de vida diferente, axudar a tecer de novo vínculo social entre as persoas, volver a crear sentido de comunidade, axudar a descubrir e a poder desenvolver aquilo que levamos dentro e nos fai máis felices” destacaba Natividad de Jesús González.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.