Saltar ao contido

Chega a 2ª edicion do ‘Club da Raíña Lupa’, o club de lectura sen complexos nin etiquetas

Neste mes de marzo volve á Biblioteca provincial o ‘Club da Raíña Lupa’, o club de lectura sen etiquetas e sen complexos que naceu ao abeiro do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O club, que foi concibido baixo a filosofía de que ‘non hai idade, hai literatura’, ten por obxectivo socializar a idea de que a LIX vai máis aló do público estritamente xuvenil.

Esta segunda edición ofrecerá seis encontros – tres na primavera e tres no outono – e está coordinada polo gañador da última edición do Premio Raíña Lupa, Lois Pérez. O club reunirase na Sala César Antonio Molina da Biblioteca provincial da Coruña, ás 18h do penúltimo venres dos meses de marzo, abril, maio, setembro, outubro e novembro. O venres 24 de marzo, será a escritora Antía Yáñez a encargada de inaugurar esta segunda edición de encontros co público lector. Nos seguintes meses participaran Miguel López (“El Hematocrítico”), Marilar Aleixandre, María Reimóndez, Eva Mejuto e o propio Lois Pérez.

Para participar no ‘Club da Raíña Lupa’ será necesario inscribirse previamente a través de correo electrónico. O prazo de inscrición abrirase o luns 13 de marzo, día no que se fará público o enderezo electrónico de inscrición. O número de prazas estará limitado a 25 persoas e poderá participar tanto o público máis novo como calquera persoa adulta -nais, pais, irmáns, docentes, bibliotecarias- que desexe compartir experiencia lectora cos máis novos e novas.

Calendario de lecturas e encontros:

– Venres 24 de marzo: Antía Yáñez – “Plan de rescate”

– Venres 21 de abril: Miguel López (El Hematocrítico) – “Dona Problemas”

– Venres 19 de maio: Marilar Aleixandre – “Nogard”

– Venres 22 de setembro: María Reimóndez – “Cobiza”

– Venres 20 de outubro: Eva Mejuto – “A ladroa da biblioteca de Meirás”

– Venres 17 de novembro: Lois Pérez – “A tribo do mar”

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.