Saltar ao contido
>

Ciclo Tándem: NIÑO DE ELCHE & GALLAECIA ENSEMBLE BARROCO

Ciclo Tándem: NIÑO DE ELCHE & GALLAECIA ENSEMBLE BARROCO

Baixo a dirección artística da violinista galega María José Pámpano, Gallaecia Ensemble Barroco e Niño de Elche presentan un novedoso programa de concerto no que revisitan o repertorio sacro de temática mariana para levalo a outro territorio: o do humano, o profano, o íntimo. A música de Antonio Vivaldi, Heinrich Ignaz Biber, Marco Rosano e outros compositores atravesa o tempo para encontrarse coa voz e a mirada do presente, nun diálogo no que a música antiga deixa de ser memoria para converterse en materia viva que atende á sensibilidade contemporánea. Un concerto no que o sacro e o profano atopan un territorio no que mirarse de fronte. No que se traspasa a imaxe do divino e a figura de María aparece como reflexo do humano. Porque detrás da icona, detrás da coroa, detrás da imaxe perfecta, permanece a nai. E con ela, a infancia. A vulnerabilidade. O medo. O coidado. A perda. Un lugar no que o divino descende. Faise carne. Faise voz. Faise nena. Faise neno. Faise nai. Gallaecia Ensemble Barroco e Niño de Elche mergúllanse neste territorio para regresar ás músicas do pasado e escoitalas de novo, poñéndoas diante do noso tempo.

Este proxecto contou co apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán da Deputación da Coruña, e Fabra i Coats – Fàbrica de Creació

NIÑO DE ELCHE

Niño de Elche é un artista que leva dúas décadas rompendo e expandindo os límites do flamenco. Sempre dentro da súa continua necesidade de transformación, a súa caligrafía sonora combina maxistralmente xéneros como a improvisación libre, o krautrock, a música electrónica, a electroacústica, a contemporánea coa poesía, a performance, a danza e o teatro, entre outras formas de renovar formas expresivas que atopan a súa propia linguaxe a partir da tradición. Así o leva facendo desde 2007, ano no que publicou o seu primeiro LP. O mesmo desde o que foi construíndo unha traxectoria como figura clave nas músicas libres de hoxe en día.

Entre a súa ducia de álbums, destacan “Sí, a Miguel Hernández” (2013), “Voces del Extremo” (2015), “Antología del Cante Flamenco Heterodoxo” (2018), “Colombiana” (2019) e “Cru+es” (2025).

GALLAECIA ENSEMBLE BARROCO

Gallaecia Ensemble Barroco é un proxecto musical que busca difuminar as liñas entre a música antiga e as composicións contemporáneas, combinando música do pasado co presente nun diálogo que tamén incorpora outras disciplinas artísticas, como a pintura, a poesía e as artes visuais.

Coas súas actuacións, baseadas en prácticas interpretativas historicamente informadas e empregando instrumentos de época, o conxunto explora todo o potencial do seu son. Así, o seu repertorio inclúe tanto música dos séculos XVII e XVIII como novas composicións, o que os consolida como un grupo pioneiro en Galicia neste tipo de práctica con instrumentos históricos.

Asiste ao evento

Compartir

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.