Saltar ao contido

Cultura da Deputación da Coruña crea o premio Luis Seoane de deseño

O departamento de Cultura de Deputación da Coruña anunciou a creación do premio Luis Seoane de deseño, que recoñecerá as traxectorias, de máis de dez anos, de persoas, colectivos ou entidades cuxos traballos sexan relevantes nas especialidades do deseño gráfico e comunicación visual, deseño dixital, deseño de procesos de organización, deseño industrial e de produto, deseño de espazos e deseño de moda.

Establécese un único premio de 6.500 euros e o prazo para presentar candidaturas –de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL)– comeza mañá, 9 de abril, e rematará ás 14 horas do 19 de maio.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidirá o xurado, que estará formado por unha persoa que pertenza ao ámbito do ensino do deseño, tres profesionais en exercicio de diferentes especialidades –gráfico, de produto, dixital, de moda, etc.– e unha persoa do ámbito empresarial ou cultural, especialmente relacionado cos campos do deseño, a arte e a comunicación.

“Con este novo premio, que incorporamos ao xa imprescindible catálogo de certames convocados polo departamento de Cultura da Deputación”, explica González, “queremos non só homenaxear a figura irrepetible de Luis Seoane, creador total, visionario e pioneiro do deseño gráfico en Galicia, cuxa obra e legado é fundamental para entender a modernidade estética no noso país”. “Queremos tamén”, engadiu, “galardoar traxectorias consolidadas e que a convocatoria se converta nun referente e nun espacio de encontro e recoñecemento para os e as profesionais do deseño en todas as súas disciplinas”.

Co novo certame, a Deputación da Coruña segue a apostar, segundo González, “por iniciativas que fomenten o talento galego; neste caso, nun sector clave para a cultura, a industria e a comunicación na Galicia do século XXI”.

As bases poden consultarse e descargarse no BOP do 28 de marzo.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.