Saltar ao contido

O gañador do Pulitzer, Emilio Morenatti, e a editora gráfica internacional, Maria Mann, impartirán os obradoiros de fotografía do Premio Ksado

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de pechar a programación complementaria do Premio Ksado de Creación Fotografía, que traerá á Coruña a figuras de relevancia no mundo da fotografía contemporánea e do fotoxornalismo. Así, baixo o comisariado e coordinación do fotógrafo Xurxo Lobato, no mes de outubro estarán impartindo sendos obradoiros no Centro Ágora o gañador do premio Pulitzer, Emilio Morenatti, e a editora gráfica internacional, Maria Mann.

Os obradoiros terán lugar os días 5 e 6 de outubro, e no día previo, o martes 4, inaugurarase no Museo do Pobo Galego a exposición que recolle as series gañadora e finalistas da XVI edición do Premio. A serie gañadora, ‘Lume’ de Brais Lorenzo (Ourense), estará acompañada das series ‘Paisaxes da inexistencia’ de Belén Lozano López (Lugo); ‘La escoria rebelde’ de Fuco Reyes (Compostela); ‘Máscaras del Entroido Gallego. Festival VIBO 2022’ de Carlos González Ximénez (Madrid); ‘Europa “not welcome” de Sergi Cámara (Barcelona); e ‘Vulcanonautas’ de Arturo Rodríguez (Tenerife).

A asistencia aos obradoiros de fotografía, ao igual que en edicións anteriores, será de balde até completar o aforo dispoñible, se ben se abrirá un prazo de inscrición previa no mes de setembro. “Trátase de ofrecer, no contexto do propio Premio, actividades de calidade ao redor da fotografía e do fotoxornaliso accesibles para público en xeral, máis tamén para estudantado e profesionais relacionados coas artes e coa práctica fotográfica” asegura o deputado de Cultura, Xurxo Couto. Neste sentido, a elección das e dos profesionais que se achegan ata a Coruña para impartir os obradoiros continúa rexéndose polo criterio de apostar por figuras próximas pero con alta proxección internacional. Na pasada edición, os obradoiros correran a cargo do fotógrafo de National Geographic, Tino Soriano, e da fotógrafa da axencia Magnun nacida en As Pontes, Lúa Ribeira.

Emilio Morenatti vén de recibir o premio Pulitzer en 2021 polo seu traballo sobre o impacto da pandemia nas persoas maiores. O fotoxornalista da axencia The Associated Press converteuse, deste xeito, no primeiro español en recibir este prestixioso recoñecemento na categoría de reportaxe fotográfico. Maria Mann, pola súa banda, foi directora de relacións internacionais da European Pressphoto Agency en Frankfurt, directora de noticias de Corbis en París, directora de fotografía para América da Agence France-Presse, editora de fotografía de AFP en París, membro de Talleres da Fundación SIP / Knight para Periodismo Avanzado en América Latina, e profesora en Lituania, nos obradoiros militares do Pentágono, e en China.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.