Saltar ao contido

O Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación participa en ‘Viñetas desde o Atlántico’

O Quiosco Afonso acolleu esta mañá, polo Festival Internacional da Historieta ‘Viñetas desde o Atlántico’, a promoción do Premio Castelao de Banda Deseñada, convocado pola área de Cultura da Deputación. Fixo a presentación a titular do departamento, Natividade González, nun acto no que a acompañaron o director do festival, Manel Cráneo; a gañadora da 18ª edición do Castelao na modalidade xeral, Paula Mayor, e mais o vencedor na categoría de literatura infantil e xuvenil, Cristian F. Caruncho.

Rosalía oculta —a obra que coa que Mayor gañou o Castelao— e O día de San Martiño —a do galardón para Caruncho— serán protagonistas de cadansúa exposición dentro da sección oficial do festival, abertas na Sala Municipal Salvador de Madariaga ata o 30 de setembro. Ademais, para mañá está programada unha visita guiada ás mostras, conducida polos autores.

Cultura da Deputación está presente este ano por primeira vez no ‘Viñetas desde o Atlántico’ cunha exposición bibliográfica dos álbums premiados nos Castelao que se poderá visitar en Palexco tamén ata o 30 de setembro.

“Os premios Castelao”, asegurou a deputada, “son referente non só en Galicia, senón fóra das nosas fronteiras, así que teñen merecementos para estar incluídos neste espazo que é o mundo da banda deseñada”. “Para nós”, engadiu González, “é un pracer participar, e intentaremos seguir sumando en vindeiros anos e, por que non, medrando entre todos xuntos, porque este é un festival relevante para cidade, pero tamén a nivel estatal”. González fixo balance dos Castelao, “un certame que, nas súas dezanove edicións, sempre se recoñeceu pola calidade das obras premiadas e que contribuíu a fomentar e proxectar o talento das e dos debuxantes e guionistas do noso país”. Rematou a súa intervención anunciando que o 28 de agosto coñecerase a resolución do xurado do 19º Premio Castelao, e agradeceu a presencia de Mayor e de Caruncho, así coma o interese dos autores en participar: “Necesitamos de vós, porque sen vós non servirían de nada eses incentivos económicos que, como administración, temos a obriga de aportar”.

Cráneo agradeceu a colaboración que presta ao festival a Deputación, “que este ano se implicou máis que nunca con Viñetas desde o Atlántico, facilitando algúns novos acordos e financiando o catálogo do festival, así que estamos encantados de ter un punto de lectura, como é a retrospectiva de todos os álbums premiados nas 18 edicións dos Castelao que se pode visitar en Palexco ata o 30 de setembro”.

Mayor e Caruncho agradecéronlle á Deputación a convocatoria dos premios Castelao e falaron do proceso creativo das obras coas que gañaron o certame. “O premio Castelao é unha marabilla, a verdade; independentemente da dotación económica, sempre é algo importante ver a túa obra publicada e que sexa recoñecida xa non na miña cidade, que é A Coruña, senón en todo o Estado”, dixo Agrelo. “O Castelao é un certame que seguín desde sempre, pois sempre recoñeceu a autores que me interesaban e cuxa traxectoria seguía, así que o ano pasado decidín probar sorte con Rosalía oculta, non tiña nada que perder e, mira, tiven a sorte de gañar e de que o álbum lle gustase a autores que estaban no xurado e quen admiro, como David Rubín e Emma Ríos”.

Caruncho etiquetou o seu álbum O día de San Martiño como un “churrasco western con estética de manga, en branco e negro con uso de tramas”, para o que recuperou a Salustio, “un personaxe que xa inventara cando eu tiña 13 anos ou 14 e ao que lle daba vida en pequenos fanzines que fotocopiaba e logo vendía en feiras de artesanía ou mesmo aquí, no propio Viñetas”.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.