Saltar ao contido

O Premio Torrente Ballester da Deputación decidirase o 10 de novembro no Pazo de Mariñán

O Pazo de Mariñán será o venres 10 de novembro o escenario das dúas xuntanzas dos xurados da XXXV edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. Dez membros de cada xurado, conformado por xornalistas e escritores e escritoras do panorama galego e estatal, reuniranse para deliberar e elixir as obras gañadoras.

Encontro na librería Lume
Esa mesma tarde, tras a xuntanza, haberá un encontro na librería Lume da Coruña con tres dos membros dos xurados: Ledicia Costas, Diego Ameixeiras e Cristina Sánchez-Andrade. A cita, aberta ao público, celebrarase ás 19.00 horas.

Membros dos xurados
O xurado da modalidade en lingua castelá está composto por Inma López Silva, María Piñeiro, Antonio Sandoval, Cristina Sánchez – Andrade, e Mario Beramendi. Pola súa parte, o xurado na modalidade en lingua galega está conformado por Anna R. Figueiredo, Diego Ameixeiras, Tamara Montero, Ledicia Costas, e o gañador deste premio na edición 2022, Amador Castro.

Sete premios en 2023
Coa concesión do Premio Torrente Ballester, a Deputación da Coruña pechará o 2023 con sete novas obras galardoadas nos seus certames literarios: “Rosalía Oculta” de Paula Mayor Agrelo e “O Día de San Martiño” de Cristian Fojón Caruncho como gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada nas modalidades xeral e LIX respectivamente; “Catro exemplos da “arte dexenerada” galega fóra da España saudable” de Blanca Paula Rodríguez Garabatos como gañadora do Manuel Murguía de Ensaio; “Conxo, non restraint” de Alberto M. Ramos Ríos como gañadora do Rafael Dieste de textos teatrais e “As pedras verdes” de Rafael Fernández Lorenzo como gañadora do Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Á banda deseñada, ensaio, teatro e LIX sumaranse as dúas novelas premiadas trala deliberación do “Conclave de Mariñán” o 10 de novembro. As sete obras serán publicadas durante o ano 2024.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.