Saltar ao contido

Publicadas as bases da Rede Cultural da Deputación, cun orzamento de máis de dous millóns de euros no 2026

A Rede Cultural da Deputación da Coruña terá en 2026 un orzamento de algo máis de dous millóns de euros. Consonte se publicou este venres no Boletín Oficial da Provincia, o prazo para que artistas, empresas e compañías inscriban os seus espectáculos estará aberto desde o 8 de xaneiro ata o 29 de xaneiro de 2026. A institución provincial financiará entre un 30 e un 75 % do custo dos espectáculos, dependendo do número de habitantes de cada concello.

Segundo fixo saber a Deputación, os concellos deberán solicitar actuacións entre o 6 e o 20 de marzo de 2026, e a resolución de adxudicación dos espectáculos comunicarase nunha terceira fase, antes do 8 de abril de 2026 no caso dos concellos e antes do 15 de maio de 2026 no caso das entidades. Os espectáculos terán lugar no ámbito territorial da provincia da Coruña durante o ano 2026 e ata o 31 de marzo de 2027.

Como en anteriores anos, o catálogo da Rede Cultural nesta edición estará formado por catro programas: Escena ao vivo! (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), Visións (cinema e contidos audiovisuais), Lingua a Escena! (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega) e Alicerce (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais).

No caso de Alicerce, ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.