Saltar ao contido

Volve “Un Torrente de Conversas” protagonizado por Marcos Giralt Torrente, Víctor Freixanes e Bibiana Candia

A Deputación da Coruña, a través da Área de Cultura, reforza a convocatoria do Premio Torrente Ballester de Narrativa cunha nova edición do ciclo “Un Torrente de Conversas” que este ano terá como protagonistas aos escritores Marcos Giralt Torrente, Víctor Freixanes e Bibiana Candia. O deputado Xurxo Couto anuncia que o escritor e neto de Torrente Ballester, Marcos Giralt Torrente, “formará parte do xurado deste ano por primeira vez na historia do premio literario que convoca a Deputación desde 1989”.

Giralt Torrente visitará A Coruña no mes de novembro para fallar o premio e manter un encontro co seu público lector. Será un dos tres escritores protagonistas da nova edición do ciclo “Un Torrente de Conversas”. Os galegos Víctor Freixanes e Bibiana Candia completan o cartel co que a Deputación quere celebrar os 30 anos do primeiro Torrente en galego que gañou Freixanes coa novela “A cidade dos Césares”.

Era o ano 1992 cando Víctor Freixanes, xa consolidado como escritor aos seus 41 anos tras conseguir dúas veces o Premio da Crítica, gañaba a cuarta edición do Torrente cunha novela escrita en galego, inaugurando así a nómina de autores que conseguirían anos despois o prezado galardón literario escribindo en galego: Manuel Rivas, Xose Carlos Caneiro, Eli Ríos ou Antón Riveiro Coello.

Tres décadas despois, a reedición de “A cidade dos Césares” chega este mes ás librarías da man da Editorial Galaxia e o xoves, 28 de xullo ás 19,30 h da tarde, a Deputación da Coruña levará ata a libraría Lume da Coruña “Un Torrente de Conversas” con Víctor Freixanes como protagonista. O acto será presentado pola escritora Bibiana Candia, autora de “Azucre” e membro do xurado da nova edición do Premio Torrente Ballester que se fallará en novembro.

O ciclo “Un Torrente de Conversas” naceu o ano pasado con dous gañadores do premio como protagonistas: Ignacio Martínez de Pisón e Manuel Rivas. Neste 2022, a Deputación da Coruña aposta por seguir reforzando a convocatoria do Torrente co obxectivo de tecer unha rede de espazos lectores para visibilizar os premios literarios que anualmente convoca a área de Cultura.

Compartir

Novas destacadas

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’

A Deputación recibe 742 obras para os seus premios literarios, a cifra máis alta dos últimos anos

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como «creatividade, lingua e cohesión social»

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.