Saltar ao contido

Residencias artísticas

É un programa que ofrece a un artista o espazo, o tempo, os recursos e o acompañamento para traballar individual ou colectivamente na súa práctica artística, no seu oficio.

Por que facer Residencias Artísticas na Costa da Morte

Porque a riqueza cultural, artística, paisaxística e natural da Costa da Morte, a peculiaridade dos seus espazos, entornos e xentes, xeran un contexto óptimo no que concentrarse na creación artística e no que permitirse interactuar coa veciñanza, co territorio, coa historia e coa tranquilidade.

Porque as artes vivas e en concreto a danza contemporánea non son unha disciplina tan recoñecible na Costa da Morte, a través das residencias desexamos contribuir na normalización e a presenza das escénicas no territorio.

Tras o paso en 2024 por Corcubión, e grazas ao diálogo co concello, voltamos a activar unha residencia artística no mesmo, desta vez xogando entre os espazos do Centro de Día, a Capela do Pilar e a Nave de Protección Civil. Nesta edición 2025 contamos con Fran Rodríguez e Brais Pombo co seu proxecto Do outro lado.

Como incorporación para Escora, por primeira vez o programa conta co Concello de Vimianzo, que ofrece a posibilidade ao programa de incorporar o seu Auditorio do Concello como espazo de residencias. Así Noel Quintela pasa dúas semanas co seu proxecto “León”, que acaba mudando o título a Cairo.

Deste xeito, o programa de Escora 2025 inclúe dúas residencias artísticas, coas súas correspondentes mostras dos traballos en proceso e mediación coas asociacións de teatro e tradicional da contorna.

Noel Quintela | Cairo | 2025
Auditorio de Vimianzo | Aula nas Piscinas Municipais, Concello de Vimianzo
Fran Rodríguez e Brais Pombo | Do outro lado | 2025
Centro de día e Capela do Pilar de Corcubión. Nave de Protección Civil do Porto., Concello de Corcubión

Trala boa acollida da residencia artística en Camelle no 2023, decidimos volver a apostar polo mesmo formato en colaboración con A Casa no Alto, Mar de Fábula e o Concello de Camariñas. Esta vez, estivemos en diálogo co Colectivo VACAburra para que foran elas que puideran vivir a experiencia en Camelle, co seu novo espectáculo Ruar.

Durante o proceso de mapeado de ESCORA 2024, atopamos en Corcubión unha vontade especial para que a experiencia de ESCORA fose máis alá da data do evento con algunha acción que puidera trascender e deixar unha pegada máis concreta no territorio. Deste xeito coñecimos non só os espazos municipais cos que conta o concello, senón tamén o intenso tecido sociocultural do lugar. Finalmente, en diálogo co Concello de Corcubión, tomamos a decisión de activar unha segunda residencia artística co artista Félix Fernández en Corcubión, entre o Centro de día e a Nave de Protección Civil do Porto co seu proxecto Xavier a través de min.

Deste xeito, o programa de ESCORA 2024 inclúe dúas residencias artísticas, coas súas correspondentes mostras dos traballos en proceso. É un orgullo para nós continuar afianzando as relacións territorio-artista e artista-territorio, facendo por unha banda que a danza contemporánea teña cada vez máis pegada na Costa da Morte, a un tempo que podemos acoller novos proxectos de danza e artes do movemento de artistas galegas.

Colectivo VACAburra | Ruar | 2024
A Casa no Alto, Camariñas
Félix Fernández | Xavier a través de min | 2024
Centro de día e Nave de Protección Civil do Porto, Concello de Corcubión

No 2023 activamos por primeira unha residencia artística no contexto de ESCORA. Isto aconteceu porque coñecimos o proxecto A Casa no Alto, dirixido polo artista visual e xestor cultural Pablo López, que no ano anterior tiña realizado diversas residencias artísticas na vila de Camelle.

Para nós tanto o contexto como as historias que nos contaba Pablo e a complicidade que pronto tivemos con el, foron indicadores claros de que tiñamos que activar unha residencia artística en Camelle. Para a nosa sorte, o Concello de Camariñas, tamén aceptou rápidamente a proposta e conseguimos artellar unha residencia artística entre o Museo Man de Camelle e a Casa no Alto. 

Nesta primeira edición, a artista en residencia artística foi Alejandra Balboa, co seu proxecto Cando lle permito ao corpo aquilo que digo, que acompañada por Diego M. Buceta e Pavel Amilcar, tiveron a oportunidade de residir e traballar dúas semanas na vila de Camelle.

Tivemos a sorte de ver o resultado no contexto de ESCORA 2023, un momento no que compartir o traballo coas veciñas que tanto tiveran acompañado o proceso de Alejandra.

Alejandra Balboa | Cando lle permito ao corpo aquilo que digo | 2023
Museo Man de Camelle | A Casa no Alto, Residencia artística en Camariñas, Camelle
Creación colectiva de Fran Sieira xunto a Asociación Adro de Baio
Centro de día e Capela do Pilar de Corcubión | Nave de Protección Civil do Porto, Concello de Corcubión
This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.