Saltar ao contido
>
>

Creación colectiva de Fran Sieira xunto a Asociación Adro de Baio

Creación colectiva de Fran Sieira xunto a Asociación Adro de Baio

A maiores e de maneira novidosa, en diálogo co Concello de Zas e a boa acollida da Asociación Adro de Baio puidemos iniciar o primeiro proceso de creación colectiva en ESCORA. Fran Sieira, como convidado e director da proposta, desenrolou xunto a equipa de Adro e o alumnado o espectáculo único Lea, incluindo a colaboración do propio Concello.

De cara a Edición 2024, dende a Deputación da Coruña e co apoio do Concello de Zas e da Asociación Adro de Baio realizouse o primeiro proceso de creación colectiva dun espectáculo único, Lea. En somentes 4 xornadas de traballo distribuídas entre marzo e maio, Fran Sieira dirixiu a 50 intérpretes de tódalas idades de baile e música tradicional. A maiores, Fran Sieira foi acompañado por outros tres mestres da Asociación: David Canto, sección instrumental; Miguel Abad, sección de baile; e Alex Ínsua, sección de canto e pandeireta.

A agrupación experimentou con técnicas do movemento máis propias da danza contemporánea. Outra parte fundamental das sesións foi a revisión do seu material coreográfico partindo dunha descontextualización do seu propio movemento como agrupación folclórica e levalo a un marco contemporáneo onde a través da súa linguaxe fomos abordando o proceso creativo e construindo a nosa propia Lea. Un espectáculo que reflictiu o traballo en colectivo e unión.

Sobre Fran Sieira Compañía de Danza

Fran Sieira Compañía de Danza fundamenta o seu traballo nunha revisión do folclore galego dende un marco contemporáneo. A compañía estuda o movemento a través do baile tradicional galego e utilízao como o seu principal mecanismo de expresión, creando unha linguaxe do movemento de vangarda como reflexo da nosa tradición.

Dende o 2017, e a través da creación colectiva, achega proxectos artísticos con vocación social e con moi boa acollida entre o público. Desde as marxes, a compañía crea espectáculos que teñen a vontade de xerar conciencia social e devolverlle á sociedade aquilo co que a inspirou.

Sobre Asociación Cultural Adro, Baio

A Asociación Cultural Adro nace en Baio, porta de entrada á Costa da Morte en 1980, da man dun grupo de amigos que loitaba pola dinamización da faceta cultural da vila. Na actualidade, o seu traballo céntrase no mantemento, difusión e transmisión da música e baile tradicional galegos, así como actividades lúdicas arredor da nosa cultura tradicional. Conta con agrupacións instrumentais, de pandeireta e canto e de baile, levando o seu son por lugares recónditos como a Arxentina ou Suíza.

Tal é a identificación de Adro con Baio que grande parte da vida cultural da vila xorde ou conta coa colaboración da Asociación. Presentacións de libros, organización de cabalgatas de Reis e Entroido, viaxes culturais e gastronómicas… Tamén no xurdimento de Badius, compañía de teatro baiesa que segue na actualidade sendo referente teatral na bisbarra.

Vídeo del evento

Compartir

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.